Sunday 28 de April de 2024

Constituido o Consello Municipal da Cultura da Coruña como ferramenta de participación e consolidación do sector cultural


Inés Rey: “Con este consello outorgamos unha especial protección ao sector cultural porque garantimos que a cultura teña sempre o seu espazo, goberne quen goberne”

Convocarase unha nova sesión para a elección, por parte do pleno, da vicepresidencia do Consello Municipal da Cultura e as persoas que integrarán a Comisión Permanente

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde a Sesión Constitutiva do Consello Municipal da Cultura da Coruña celebrada no Centro Sociocultural Ágora. Trátase dun organismo de participación co que o Goberno de Inés Rey quere darlle voz ao sector cultural da Coruña, pasando a formar parte da acción municipal coas súas achegas directas.

Na sesión participaron un cento de representantes das diferentes entidades do sector e tecido asociativo da cidade, así como de institucións implicadas no organismo como a Universidade da Coruña, a Deputación da Coruña ou a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Rey explicou que a constitución do Consello Municipal da Cultura supón un importante paso na consolidación do sector. “Con este consello outorgamos unha especial protección ao sector cultural porque garantimos que a cultura teña sempre o seu espazo, goberne quen goberne” sinalou a alcaldesa.

A rexedora lembrou que o proxecto do Consello Municipal da Cultura iniciouse no pasado mandato e vai na liña de ampliación das canles de participación cos principais sectores estratéxicos da cidade, coma o Consello Municipal do Deporte. ”Isto amosa que esta alcaldesa e este Goberno están comprometidos coa Coruña, porque un non pode comprometerse coa cidade sen comprometerse coa súa identidade e coa súa cultura” expuxo.

Rey concluíu apelando á unidade e reivindicando a potencia cultural da Coruña. “Esta cidade é fogar de artistas e creadores nos seus barrios e lugar preferido de moitos que atoparon nesta beira do Atlántico un sitio de inspiración. O Concello, a través deste Consello Municipal da Cultura, comprométese a que sexa unha realidade perdurable” rematou.

Composición do Consello Municipal da Cultura
Os Estatutos do Consello Municipal de Cultura recollen gran parte das achegas do propiosector, trasladadas polos profesionais do sector tras o seu acto de presentación. De acordo co regulamento aprobado no Pleno ordinario do mes de marzo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), correspóndelle á concellería-delegada de Cultura a designación da persoa que ocupa a Secretaría do CMC que debe ser unha persoa funcionaria do Servizo Municipal de Cultura, do Servizo Municipal de Bibliotecas ou do Servizo Municipal de Museos Científicos.

A alcaldesa comunicou ao Pleno do Consello a designación como titular da secretaría donovo organismo de Susana Martínez Portabales, xefa de departamento do servizo de Promoción da Cultura, quen explicou o procedemento para a elección da vicepresidencia e as persoas que conformarán a Comisión Permanente do Consello Municipal da Cultura. Portabales indicou que se abre o prazo dun mes para a presentación de candidaturas, tanto para ocupar a vicepresidencia como a Comisión Permanente. Logo de que remate o prazo de presentación de candidaturas, convocarase unha nova sesión para que o pleno escolla entre as candidaturas presentadas completando a composición do Consello Municipal da Cultura.